Sunday 28 de April de 2024

O ciclo BocAberta encherá de teatro amador todas as tardes de domingo do mes de novembro en Boqueixón


As actuacións, de acceso libre e de balde, terán lugar na Casa da Cultura de Camporrapado ás 17:30 horas

A Casa da Cultura de Camporrapado acollerá todos os domingos de novembro, ás 17:30 horas, unha sesión do ciclo de teatro amador BocAberta, organizado polo Concello de Boqueixón en colaboración coa Deputación da Coruña. Unhas sesións gratuítas e dirixidas a un público adulto.

O ciclo comezará o 6 de novembro con “Un morto moi vivo”, do Club de maiores de Boqueixón. Unha divertida comedia de enredo dirixida por Ramón Molina no que será o seu segundo pase no municipio. Tras colgar o cartel de “non hai billetes” o pasado mes de maio, e para evitar colas, será preciso reservar entrada no Departamento de Cultura: cultura@boqueixon.com ou 981 513 115.

No resto de actuacións, a entrada será libre e de balde. Así, o domingo 13, a asociación cultural Charamela (Melide) presentará “Agárrate que veñen curvas”, unha comedia ambientada nunha autoescola á que acoden uns personaxes moi peculiares coa obsesión de empezar a conducir sen estar preparados e sen querer estudar.

O domingo 20, “A idade do Pavosaurio”, do grupo Licor Café (Cabanas), amosará unha comedia familiar que escenifican as peculiares relacións domésticas que poden xurdir nun fogar onde conviven dúas xeracións de persoas adultas. Pechará o ciclo BocaAberta a agrupación teatral Pedroso (Narón) con “Nin o demo entende as mulleres”, obra de Betty Couce Calvo, o domingo 27.